miércoles 17 de marzo de 2010

O pracer de ler 2010

Co motivo da celebración do Día do Libro do 23 de abril de 2010, a Biblioteca Municipal do Porriño convoca un concurso de fotografía que ten como obxecto a promoción da lectura e a dinamización da referida festividade.


TEMÁTICA

- A temática das fotografías a presentar versará sobre calquera aspecto relacionado co mundo da literatura, lectura e do libro, primando a idea que emana do propio nome do concurso "O pracer de ler”.

PARTICIPANTES E FOTOGRAFÍAS

- Participarán en concurso único tódalas persoas que así o desexen, sen diferenciación de idades, e co número de fotografías que estimen oportuno. As fotografías presentadas poderán ser en cor ou branco e negro, de calquera tamaño, pero sempre pegadas sobre unha cartulina negra.

- As obras deberán ser orixinais, inéditas e non ter sido premiadas nin recoñecidas ou seleccionadas noutros certames. Asemade, deberán estar libres de dereitos que poidan posuír terceiros.

FORMA DE PRESENTACIÓN

- As fotografías axuntaranse nun sobre, no dorso de cada fotografía irá o lema do autor e o título da fotografía. E tamén acompañará un sobre pechado co lema do autor escrito por fora e, no seu interior, os seguintes datos: nome completo do autor, enderezo postal, número de teléfono e fotocopia do DNI ou tarxeta de residencia.

LUGAR E PRAZO DE ENTREGA

- As fotografías entregaranse nas oficinas da biblioteca municipal R/ Domingo Bueno nº 9, 36400 O Porriño – Pontevedra, en horario de 9,00 a 21,00 h. de luns a venres ata o prazo máximo do venres 28 de maio ás 21,00 h.

XURADO E FALLO:

- O xurado estará composto por membros do departamento de Cultura do Concello do Porriño, ou persoas nas que deleguen. O fallo do xurado darase a coñecer nos medios de comunicación, ademais de comunicarse persoalmente ao gañador por teléfono.

PREMIO:

- Concederase un único premio de 600 €. sometido á retención que exprese a lei. No caso de que o gañador sexa menor de idade na data de remate de presentación das fotografías, substituirase o diñeiro por un agasallo (cámara dixital e/ou material fotográfico) dun valor aproximado.

EXPOSICIÓN:

- Coas fotografías presentadas a concurso realizarase unha exposición nas instalacións da biblioteca.

DEREITOS PATRIMONIAIS DE EXPLOTACIÓN DA FOTOGRAFÍA PREMIADA:

- De conformidade co previsto na Lei de Propiedade Intelectual, o autor da fotografía premiada, sen prexuízo dos dereitos morais que lle corresponden, cede á Biblioteca Municipal do Porriño, co carácter de exclusividade, os dereitos patrimoniais de explotación da fotografía gañadora.

OBRAS NON PREMIADAS:

- A presentación dunha fotografía a este concurso supón a autorización expresa da súa reprodución en calquera formato que se estime necesario para a divulgación do concurso e da biblioteca, especialmente no referido á súa promoción, difusión, comunicación e exhibición, incluídos exposicións, catálogos e páxinas web.

- As obras non premiadas poderán ser devoltas a petición dos seus autores, sempre pola súa conta e pasado 1 mes da finalización da exposición do concurso. No caso de solicitar a devolución por axencia de transporte, devolveranse a portes debidos.

ACEPTACIÓN DAS BASES:

- A participación neste concurso supón a aceptación total das presentes bases e fallo do Xurado. O Xurado queda facultado para dirimir calquera eventualidade non prevista nelas.